July 02
Volvemos, máis unha vez, a ese cuarto escuro da ignorancia, que ao querer vestir o traxe cosmopolita, rebéntalle as costuras, alá por onde os edificios se transforman en pesadelo, e con estes vimbios faremos o cesto da cordialidade –que se note, como nos Hospitais de Ferrol.
Volvemos, unha vez máis, ao cinismo, ao abandono do pensamento: o terrible non é que non queiran pensar, o asfixiante é a sentenza, esa carraxe que ennovela a práctica infame: se eu non penso, nin quero pensar, ti tampouco. Velaí os termos da cordialidade.
February 23
Eu cría que Galicia podía ser outra cousa.
February 22
Só o humor nos salva: non é estrano que a xente se bote á carreira, a correr o Entroido. As perspectivas que se nos ofrecen para o futuro son dunha banda grises, doutra tamén, e máis alá parece que se achega o trono. Por iso hai que, cando menos, conservar o humor, e como se di por aí, botarlle ferro e fariña e a seguir.
Np espazo público deste blog atopará quen se achegue a estas páxinas seis números do que quere ser unha perspectiva humorística da realidade. Se son do seu interese, pode subscribirse e recibirá os núneros novos segundo vaian saíndo do forno.
Na imaxe poden contemplar ao precario que compón todas as páxinas, aínda que el diga o contrario.
November 25
Hai homes que loitan un día, e son bos.
Hai homes que loitan meses, anos… e son mellores.
E están os que loitan toda unha vida: eses
Son os imprescindibles.
October 23
Non sei que dicir. Un, a verdade é esa, nunca sabe que dicir nestes momentos nos que a inevitable se presenta. Tiñamos un asunto pendente, un asunto que, agora, non remataremos xuntos. Como tantos outros asuntos que terías pendentes con tanta xente... Non me vale o usual: condolencia, pesar, perda... só son palabras eslavazadas polo costume. Coñecémonos hai pouco, e sábeme a fel non ter palabras para despedirte como mereces. Tal vez esa sexa a traxedia dos pequenos cando vemos marchar aos grandes: sabemos o que perdemos, e ventamos que a perda é maior do que imaxinamos. Sorpréndenos ese abismo, e tatexando, miramos como impoñernos ao extravío. Agora doen as ocasións perdidas, as palabras non ditas, as esperanzas ocultas, as feridas compartidas e os silencios que os camiños da vida fan agromar inevitablemente. Pero mañá virá a luz, alzarase o telón, e tal vez, tal vez cante a cotovía. E estarás alí, acompañado de Melpómene, Terpsícore e Talía, e quizais -Calíope e Clío me asistan- quizais teña para esoutro abrente que sempre procuramos un discurso acorde ás circunstancias.